segunda-feira, 14 de dezembro de 2009

Lárido de patas molladas


Está na auga, motu proprio
coma un bivalvo poseso, atraido polo salitre
embebido, illado na extensa liña
aberta, sen pontes, sen barreiras
ficou varado, hipnótico
sine die
As cunchas ábrense nun lento agoniar
e tínxese o ceo de gris
mentres uns ollos puerís
abranguen a ampla praia
e camiñan sen máis...



Licença Creative Commons


domingo, 22 de novembro de 2009

Pequeno alado no chan


Só na beirarrúa, baixo a choiva
Pequeno alado no chan, vagaroso
entre orfas cabichas
Os ecos furan os lousados
Cavidades irregulares, regos na cidade fría
Pingueiras obtusas pétanlles nos peteiros
e transmiten augacentas linguaxes
no formigón xearento, gris

Agarda, alugado no recuncho pétreo
nas escaleiras que dan á vella estación...
Permanece alí e descobre que hai mananciais
que proxectan curtas de cloróticos alíferos
quedos, anónimos viandantes
Onde os ecos furan lousados
e transmiten húmidas linguaxes

quinta-feira, 24 de setembro de 2009

SIMBIOSE












...
.

....
....................Xace receptiva, baixo a auscultación
voluptuosa dos abázcaros
que chuchan coa fame insaciábel
........................................duns amantes
Polipétalo asediado, abeirado
nas horas solleiras deste agosto
...........................que arrecende a xarope
É acometido ás apalpadelas
polo adicto himenóptero
..................................Cúbreo
De certo
existe unha aleuta danza
que percorre a policromada horta
e acada unha rotunda simbiose
Eu, transeúnte ocasional
......................ólloa tras o valado




Licença Creative Commons

segunda-feira, 17 de agosto de 2009

Se cadra, son pequena de máis

Semello unha parasita
alugada na parte externa dos folículos
...........................................do seu cabelo
apreixada fortemente e chuchando nel

coma unha carracha teimuda
que permanece inamovíbel
na prezada extensión que a alimenta
succiónoo, igual que o vexetal
absorbe a humidade que lle dá a vida
Enriba súa, síntome unha insaciábel
..............................................chuchona
que adoita pendurarse das súas partes
e aferrarse coma un arácnido parapléxico
incapacitado para saír do microclima
que descubriu no medio das nádegas quentes
Debruzada, permanezo enriba do seu peito
Abrango un mundo de sensacións
e celebro a danza espasmódica dos orgasmos
na lene superficie do meu hospedador
Se cadra, son pequena de máis
e parasito con total impunidade
.....................................no copyright
tatuado entre os seus cadrís
mergúllome cara o fondo
e acomódome coma gasterópodo
adherido aos rochedos do litoral
fumego coma chama acesa
e fico sen cabeza, coa certeza
de ser sexo aberto, á espera...
A lentura posúeme
trócame nunha lagoa
cando me tombo na auga salgada
.........................................do seu pube
Estouro como un foguete en día de festa
ao ritmo que marcan os seus dedos
..............................................na miña pelve
No aquelarre, son cascuda Sherezade
e entrégome obsesa bailando en coiro
.................................a danza dos sete veos
Chimpando, ás apalpadelas polo seu embigo espido
que bambea igual que un vimbio
no solpor que nos ispe de temores
e aprendo a comprendelo
enleada na súa lingua de amorodo
Aproximadamente son 50000 lambetadas
as que se rexistran na epiderme
.....................................50000 degoiros
expresados na longametraxe do seu corpo
Os debuxos multiformes
invaden este territorio de meu e
.................................................avanzo
como un rexemento de formigas
..................................facéndolle cóxegas
Conexa á miña lingua hai unha boca
..............................................mollada
que agarda enchouparse en min

Se cadra, sometereime
.................pois convénme

Este poema acadou o segundo premio no XXIII Certame de Poesía " Feliciano Rolán". Convocado pola Agrupación Cultural Guardesa ( A Guarda, agosto 2009 ).






Licença Creative Commons

domingo, 19 de julho de 2009

Intúense faces


Unha difusa formación de sombras
aparece nun abafado vidro
Liñas brancas superpostas
delimitan espazos na supostamente
existente, imaxinábel ventá

Poderían ter ollos cor mel
Poderían posuír unha identidade
e ás veces, fincar os pés no chan
coma ti, coma min...

Mais neste momento son inamovíbeis
acubilladas siluetas, esbozadas nunha tea de liño

Non obstante, cando pecho os ollos
acho que hai un café con moito azucre
pendurado no anteroposterior das miñas meniñas




Licença Creative Commons

quarta-feira, 17 de junho de 2009

Poema homenaxe a Ramón Cabanillas

video
O vídeo pertence ao recital: CAMBADOS TEN O SEU POETA, RAMÓN CABANILLAS no que participei o día
15 DE XUÑO-2009 ás 18:30h no Centro Comarcal EXPOSALNÉS (Cambados)

...As palabras do poeta baten nos ouvidos
doentes, e síntome máis náufraga
pois os pirotécnicos seguen aí
atentándonos coas cinchas
e a choiva trae apegado un agoiro de matricidio...

A autora do vídeo: rosanegra

segunda-feira, 25 de maio de 2009

Contemplativa femia


Así adondada, na branca concavidade
estática, co ollar en fite
permanece nas lentas horas deste serán
coma o calco dunha Venus
certamente bela!
Non pestanexa e é o acorde perfecto
dos enigmas que transcorren
que se proxectan no seu iris
Está queda e un obxectivo fixa a imaxe
no espello
Haberá acaso quen coarte, quen altere o relaxo
a atonía desta Gioconda?

Contemplativa femia
adurmiñada no oco dun bidé




Licença Creative Commons

quarta-feira, 20 de maio de 2009

Os tempos son duros mais a vitoria é nosa

Poema homenaxe a Ramón Cabanillas
Quizais o arrecendo a terra mollada
foi quen de modular nun son
as verbas que se lle axuntaban na cordame percorrendo a sensación de liberdade
coma se fose unha gaivota que vai cara o mar
Quizais, nas lousas do chan de Fefiñáns
haxa un antonte e acéndase unha lumieira
nesta noite, noitebra
de medos e corvos que nos empurran
ao OCASO “ Da terra asoballada”
O tempo semella que é un rapsodo e declama:
...” Galicia está cansa,
soia cos seus pensamentos.
Non chora; secouse a fonte.
Ten as serpes chuchándolle os peitos...”
As palabras do poeta baten nos ouvidos
doentes, e síntome máis náufraga
pois os pirotécnicos seguen aí
atentándonos coas cinchas
e a choiva trae apegado un agoiro de matricidio
Mais eu, irredenta gabearei polos montes abertos
e percorrerei a sensación de liberdade
coma se fose unha gaivota que vai cara o mar e igual que Ramón berrarei:
“...¡irmáns asoballados
de xentes estranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
¡E ó pé da enseña da nazón galega
¡cantémo-lo dereito

quarta-feira, 22 de abril de 2009

Oda ao vello televisor


Está no faiado, a carón daquel paraugas azul
O paraugas que figura na escena coma unha vella gloria
Alí, esvaecese enriba das páxinas
dunha banda deseñada doutro tempo
As pombas aniñan no oco aberto das súas costas
e el fica inerte no sólido chan de formigón
maxinando que traspasa a fiestra de luz
a solaina aberta cara o norte e olla para algures
na procura da sintonía perdida
da imaxe fendida polo tempo

É inverno e nas lousas da xeada rúa
repta a poalla formando espellos




Licença Creative Commons

quarta-feira, 18 de março de 2009

Amante tocada pola antropofaxia


Son unha gata en celo, posúote
Iranse perpetuando, con vehemencia
as miñas pegadas na túa pel
Arrólome, miañando involucrada
nunha melodía que precede á cópula
Como preámbulo bailo sen saia
.........................................e agardo
a mutua penetración ao lírico universo
..............................................dos abrazos
Son comedora de carne
amante tocada pola antropofaxia
........................................aproxímate
que morro por meterche o dente
Este poema pertence ao poemario " Amante tocada pola antropofaxia".
Gañador do primeiro premio de poesía no XXII Certame "Rosalía de Castro" 2008 Cornellá ( Barcelona)





Licença Creative Commons



sexta-feira, 13 de fevereiro de 2009

Salvación e Xustiza

Agóchase detrás dunha porta
A porta reflicte a descatalogada salvación
que se achanta no balorecido son dunha campá
Fica estrábica no interior dun faro vello
coleccionando xustizas acedas

Seica hai un S O S
engadido nas equidistantes folerpas
que deambulan inconexas

Hainos que pensan
que a salvación é un limiar impreso
Un índice pechado baixo terra

Salvación, xustiza
son dous vocábulos indeterminados
abstraidos nas tobeiras irredentas

Mentres os cans ouvean, xorde na escena
Unha muller perseguida polo maltrato
Un terminal que suplica eutanasia
A praia cuberta de chapapote
que soña coa límpida auga do seu ecosistema
A nación que agarda a salvación, a xustiza
da permanencia da lingua de seu
nas bocas do pobo

Salvación, xustiza
Son dous vocábulos indeterminados
agochados detrás dunha porta...

Poema escrito para participar no Filo-café do 28 de febreiro, en Porto






Licença Creative Commons

sexta-feira, 30 de janeiro de 2009

Posúe unha estraña impavidez


no róseo lenzo, acastañado
está apreixada na soidade
do xeométrico labirinto
mediata a un negro burato
que se pendura dunhas nubes violáceas
Suca lutuosa a delimitada atmosfera

O ser séntese afectado de acrofobia
e coida que é un cicindélido
a piques de ser exterminado




Licença Creative Commons

segunda-feira, 26 de janeiro de 2009

Atopeite na asimetría dunhas riscas


Involucrado, enxertado na cernil superficie
dunha táboa
Había un proceso involutivo á natureza
Apalpei a túa metamorfose, evitando chorar
e fiquei abrazándote, arrodeando o diámetro
dunha árbore, que adoptara o teu sorriso
e as miñas bágoas





Licença Creative Commons

domingo, 4 de janeiro de 2009

Viu a pegada insomne



o cincento vestixio dun día moribundo
aletargado
baixo o influxo do plenilunio
sen posibilidades de fuxir do inevitábel



As súas meniñas percorreron as núas sombras
que tinguían de liñas abstractas
o chan do serán


E soubo, da expresión poética dunha noite





Licença Creative Commons