segunda-feira, 28 de maio de 2012

A coleccionista de cicatrices (3º poema)

Safe Creative
#1206061763567

Porque quizais espertei no momento
en que todo é previo
á patética secuencia dunha sombra
Porque talvez
acordara na interpolación
dunha implícita sobredose
tan imprecisa, tan séptica!
Por iso
inhíbome dilacerada na señardade
e procuro a iridescencia
suxestiva dunha miñaxoia

Do conxunto de poemas "A coleccionista de cicatrices" gañador do 2º premio de poesía 
no I Certame Literario Xosé Neira Vilas.

terça-feira, 15 de maio de 2012

A coleccionista de cicatrices


Teño os cóbados inmobilizados
confinados nas bagoadas
onde moran
as fendas abertas da muruxa

____________

Quito os lentes escuros
non os preciso
e déixoos pendurados
danzando na abotoadura da chambra
Intérnome en min mesma
na senda máis tépeda
máis sombría
A orballeira móllame os pés
e pónseme na man
a insomne bágoa
que abriu a páxina lacrada
da derrota

Pertencen ao poemario "A coleccionista de cicatrices" gañador do 2º premio de poesía 
no I Certame Literario Xosé Neira Vilas.

quarta-feira, 9 de maio de 2012

Amante tocada pola antropofaxia



Safe Creative
#1206061763543


A lascivia corre unha maratón
e fertilízame nas horas en que
acolle este meu territorio
posúeme
xemo como unha cadela quente
e asumo a certeza deste amor
por secuencias

Do poemario gañador,  no Certame Rosalía de Castro, 2008  (Cornellá-Barcelona)